sábado, 7 de enero de 2012

ISAAC DÍAZ PARDO


“Eu simplemente son un vello que tivo que exercer de fideicomisario do espírito daqueles exiliados e represaliados que soñaban con volver á Terra para recuperar a nosa memoria”. Así, cunha eterna modestia, definíase o intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis importantes de Galiza no século XX, que faleceu onte na Coruña aos 91 anos de idade. Precisamente, a loita contra o asoballamento dunha identidade cultural -e moito máis que iso- que caracterizou a súa vida converte a súa desaparición no símbolo dunha época que marcha afogada ante tempos de novo sombríos.

Xusto nos días nos que o novo goberno da dereita española anunciaba as primeiras medidas de recentralización, morría un dos maiores símbolos do combate galeguista por un país autogobernado. Faleceu nun hospital, algo que non puideron facer gran parte daqueles cos que compartiu hai oito décadas o nacemento dunha ilusión que daría como maior froito o Estatuto do 36, en cuxa aceptación tamén tiveron moito que ver os orixinais carteis que Díaz Pardo debuxou pedindo e conseguindo o ’Si’. Mais días despois as armas falanxistas silenciaban as mellores voces dese proceso liberador, comezando pola do seu pai, Camilo Díaz Baliño. Anos máis tarde, a súa nai enfermaba por non poder asumir aquela masacre, que tamén levou por diante os primeiros organismos emancipadores da cultura nacional, como o Seminario de Estudos Galegos. Pero el foi sacando a cabeza, con valentía. “Alguén tiña que facerse cargo da esperanza. Isaac foi elixido. A esperanza meteuse nel, como nunha arca coas cadernas do óso, a calor específica da humanidade”, escribiu Manuel Rivas.

Coa memoria como eixe e o arte como escudo, Díaz Pardo volveu remexer conciencias pasados uns anos e puxo en pé unha obra monumental, da que formaron parte as Edicións e Cerámicas do Castro (o que se coñece popularmente como Sargadelos), o Laboratorio de Formas, o novo Seminario de Estudos Galegos, máis tarde o Museo do Pobo Galego, labores todos estes que combinou coa escrita e o activismo.

Mais os seus últimos tempos non foron de todo felices. A gadoupa do empresariado depredador non dubidou hai dous anos á hora de expulsalo do Instituto Galego de Información que el creara e onde estaba encadrada o seu legado de Sargadelos. “Un dos persoeiros máis grandes ao servizo de Galicia acaba de ser decapitado polo capitalismo máis impúdico e mercantilista”, protestou daquela outro vello loitador, o académico Xesús Alonso Montero. Agora, Isaac Díaz Pardo marcha mentres o seu soño con alicerces na memoria histórica e na identidade cultural e nacional galega sofre o acoso da dereita no poder. De feito, as autoridades autonómicas pronunciaron as súas primeiras palabras de duelo polo pasamento nun acto no que se facía oficial a desaparición da consellería de Cultura do Goberno galego. Negras reviravoltas dun novo tempo de negación contra o que xa non loitará Díaz Pardo, pero si a rica herdanza que deixaron os seus 91 anos de galeguismo.

DIAGONAL web