sábado, 12 de febrero de 2011

LOIS PEREIRO


"Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria"

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid para continuar os seus estudos e alí fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996) —libro en que se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.

De regreso ao país, Pereiro figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións en que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello,Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostimento da revista Luzes de Galiza, onde viron a luz —para alén do ensaio xa citado— os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.

En vida Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), duros e espidos poemarios en que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura. Enfermo de SIDA, Lois Pereiro faleceu na Coruña o 24 de maio de 1996 a causa do envelenamento por aceite de colza desnaturalizado, o mesmo día que se coñeceu a sentencia do caso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario